Manuel Gallego Alves

Nacín (10/07/1983) nunha pequena aldea de Allariz, na que a toponimia (Enfestela) e a súa situación en plena verea romana marcaron o destino para que, chegado o momento de escoller, decantárame por formarme en Historia (2002-2007 na Universidade de Vigo) e non por outros campos dos que tamén gostaba como o deporte ou a informática.

O meu primeiro contrato laboral foi como peón de arqueoloxía nun lugar fantástico: Aqvis Qverqvennis. Un xacemento sito nun territorio excepcional co que me vinculan lazos familiares, de avós portugueses, adicados no seu tempo ao estraperlo e afincados dende os anos 60 nun lugar tamén con moita historia, Santa Comba de Bande.

Continuaría a miña carreira profesional con pequenos traballos relacionados coa miña formación (catalogación, museos, biblioteconomía, etc.). Malia a isto, as circunstancias persoais e laborais fixeron que o meu mundo laboral se fose desviando do camiño establecido ata que lanzamos o proxecto de Xeitura: Xestión Integral do Patrimonio Cultural. Con este en funcionamento a idea é volver ás raíces, loitar polo noso e afondar no patrimonio para darlle un xiro de 360º e aproveitar os múltiples beneficios que pode ofrecer.