Alba Mato Búa
Xestora de transferencia e innovación and Escritora in A Estrada
Son unha persoa de intereses moi diversos, que abranguen dende a ciencia, a investigación biotecnolóxica e biomédica, a innovación e a valorización ata as letras, a literatura, as artes e as linguas. Sentir inquietude por temas de eidos tan distintos fai que aprecie o traballo interdisciplinar e a formación constante como formas de satisfacer esa curiosidade.
Na miña faceta profesional, a miña carreira evolucionou dende a investigación básica ata o apoio á innovación. A través dos meus estudos do Grao en Biotecnoloxía (con mención en Biotecnoloxía Sanitaria) e do Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, dei os meus primeiros pasos en investigación básica en laboratorios de bioloxía molecular, bioquímica e nanomedicina. Non obstante, o meu interese por ter unha perspectiva máis ampla do panorama investigador e por conseguir que os resultados experimentais chegasen a ter un impacto real leváronme a buscar outros enfoques. Dese xeito, continuei a miña andanza no mundo da transferencia tecnolóxica (tech transfer), onde gañei experiencia en actividades de valorización e explotación de resultados de investigación, vixilancia tecnolóxica e intelixencia competitiva, e apoio á innovación e ó emprendemento. Neste contexto, descubrín como o coñecemento científico pode conectar co mundo empresarial e a sociedade, e como os resultados da investigación básica poden converterse en solucións de impacto real.
No persoal, desfruto da escritura e a creación de historias, personaxes e mundos. Valoro moito a expresión artística e adoito perderme na música, nos libros e nas series. Aprecio o respecto e coidado polas linguas, sobre todo a galega, e gústame aprender novos idiomas, non só para o meu desenvolvemento profesional, senón polo pracer do coñecemento e de afondar noutras culturas.