Cristina Martínez Ces
Comercio Alimentación Especializado in O Ferrol, España
Son o que se din unha caranceira, teño 36 anos e criei-me, estudei, crecín e vivo co meu compañeiro e dúas fillas marabillosas no barrio de Caranza, no Concello de Ferrol (Galiza). No mesmo barrio viven a miña nai, o meu pai, os meus irmáns, a maioría das miñas amizades e grande parte da miña numerosa familia.
Aínda que son profesional en Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, nunca exercín como tal, agás no período de prácticas na Sociedade Galega de Historia Natural, e na realización dalgúns cursos ocupacionais. Vivín momentos difíciles para atopar traballo no que me especializara, polo que ao final -despois de moitos cursos de formación- acabei traballando en precario na hostalería. Posteriormente desenvolvín durante nove anos, unha actividade profesional no sindicalismo como asesora e organizadora, en atención directa nos conflitos laborais e sociais.
Participo no movemento asociativo do meu barrio e como voluntaria, na Tenda de Troco, entidade de economía social e solidaria.
Sempre me interesou a alimentación e o coidado da terra. Ademais estou moi sensibilizada polo estado do meu barrio, e concretamente pola situación do seu mercado. Por iso decidín orientar a miña ocupación laboral cara ao Comercio de Alimentación Especializado, traballando como autónoma no posto nº 8 do Mercado Municipal de Caranza.
A Tenda de Cris, é o nome comercial do proxecto. Principalmente vai ser unha tenda especializada en produtos ecolóxicos e, fundamentalmente, destinados a cubrir as necesidades da poboación que sofre algún tipo de doenza como diabetes ou alerxias e intolerancia a sustancias como o glute, a lactosa e outras. Tamén se venderán produtos para cubrir as necesidades diarias da poboación, sen ser tan especializados, que se poden atopar en calquera ultramarinos tradicional.
O proximo 1 de Setembro deste ano 2016, comezarei esta andaina.