Miguel Ángel Alonso Diz

Writer and Teacher in Galicia, España

View my portfolio

Quen é Miguel Ángel?

É unha persoa que sempre viste barba e zapatillas de deporte. Quizais isto se deba a que sempre anda a correr dunha idea a outra.

Non ten tempo para afeitarse, e as zapatillas son moito máis cómodas que os zapatos cando falamos de percorrer as enormes distancias que separan os mundos que imaxina.

Ten os ollos verdes como a herba mais cando chove moito tornan nun gris azulado que rima co ceo.

Ten por costume levar unha pedra no abrigo que en ocasións agarima coa man. Ás veces di que é para non saír voando dos sitios, outras que lle serve para estar sempre preto da terra e das persoas.

Sorrí moi a miúdo. Isto débese a que fai o que lle gusta. E aínda que non teña moitos cartos, nin unha casa enorme ou un coche veloz, é moi feliz.

Ten unha filla de 4 anos da que aprende todos os días e unha muller que ilumina a súa alma dende que era moi novo. El pensa que @s nen@s son moi list@s e non lle gusta facer rimas sen sentido. Xa que cre que facer iso é unha falta de respecto.

O de rimar vénlle de hai moito tempo. Aínda non tiña barba. Sempre xogou coa imaxinación, aínda que houbo un tempo no que estivo en silencio e tivo medo.

Os homes grises dicíanlle que non podía escribir, nin imaxinar, nin sorrir.

Ten dous libros sempre no seu corazón: “Momo”, de Michael Ende, e “O principiño” de Antoine de Saint-Exupéry.

Escribir e ensinar son as súas paixóns e pensa que a través de ambas pode axudar a construír un mundo mellor.

Gústanlle todas as linguas e en especial a súa, o galego, porque foi feita palabra a palabra polos nosos devanceiros. Tamén lle gusta porque é a lingua das sereas, das árbores, dos animais e das pedras e nela atopa toda a maxia do mundo.

Ao cabo engadir que é un soñador que non soña.

Vive un soño!

  • #photography
  • #arts
  • #music
  • #writing
  • #education