Martiño Xosé Vázquez

Ourensán de nacemento (22/12/1983), aínda que con fortes vínculos familiares e profesionais nas terras de Allariz e na Baixa Limia galega. Dende neno gostei do noso patrimonio pola profesión dos meus pais (+INFO). Cursei a licenciatura en Historia pola Universidade de Vigo entre os anos 2002-2007 e nos derradeiros anos de carreira comecei a miña relación profesional coa arqueoloxía que aínda segue a quitarme o sono. Dende o ano 2007, xa integrado no grupo de investigación do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo (agora Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio), achegueime ó mundo da investigación do noso Patrimonio Cultural-. Doutoramento, posgraos, artigos científicos, máster, proxectos I+D, algunha que outra hora de docencia universitaria... e nesto aínda seguimos, creando en paralelo tamén unha pequena empresa (Xeitura: Xestión Integral do Patrimonio Cultural) que permita aplicar as aptitudes persoais e formativas adquiridas na investigación, conservación e difusión dos nosos recursos patrimoniais ó tempo que conseguimos a súa rentabilización social.