O Tempo da Aldea

Rebordechán

As aldeas do século XXI teñen pouco que ver cos recordos, coa historia e historias que gardan a memoria dos nosos pais e avós. O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega nace co obxectivo de poñer en valor e explotar os recursos da parroquia para crear postos de traballo e diminuír o risco de incendios, para darlle nova vida á aldea. A horta e os animais compartirán espazo nun entorno natural único, nunha parte do monte da aldea de Rebordechán.

Rebordechán (Crecente) é unha parroquia duns 50 veciños, Unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento. Para evitar o último dos enterros, o da aldea en si mesma, había que dar pasos importantes que requerían do compromiso coa terra dun grupo de veciños ou persoas cun vínculo estreito coa parroquia. A proba dese compromiso está na recuperación de festas tradicionais como o Entroido, o Magosto ou ir cantar os Reis, e na creación doutras novas como a Romaría do Castriño, a Noite da Moura ou a Festa dos Cativos. Está na loita pola mellora de accesos e infraestruturas.

No ano 2007 a Comunidade de Montes promoveu un proxecto de recuperación integral da parroquia baseado no aproveitamento dos recursos propios. O toxo que medra no monte serve de alimento a cabras, cabalos e porcos celta. Deste xeito lóitase contra os incendios e obtense carne de excelente calidade. A horta será un compoñente fundamental do Tempo da Aldea sen esquecerse do viño, a froita, o mel… No entorno atópanse castros celtas, pontes medievais, cruceiros... Puntos de interese das moitas rutas de sendeirismo que vertebran a parroquia. Para poder desfrutar de toda esta riqueza, os veciños pensan na creación dun campamento e no aproveitamento das máis de 20 casas pechadas que agardan a todo aquel que queira achegarse.

O nove de novembro de 2012 O Tempo da Aldea pasa a formar parte do rexistro de cooperativas da Xunta de Galicia. O pasado 26 de xuño, o Concello de Crecente, previo informe favorable da Xunta, aprobou darlle licenza de obra para a construción dun establo para cabras, a instalación dun invernadoiro para horta ecolóxica e a dun campamento con tenda e restaurante incluído.

Os 77 socios estamos hoxe máis convencidos que nunca de poder adaptar os vellos recursos ás novas demandas, de poder demostrar non só que a aldea está viva, senón que lle queda moita vida por diante.